 |
SANTIAGO DE COMPOSTELA: Cidade Universal
Santiago de Compostela é unha cidade universal que pola súa riqueza cultural e arquitectónica foi declarada pola UNESCO Patrimonio da Humanidade; unha cidade na que se goza a sensación única de pasear por unhas rúas nas que homes e séculos labraron con mestría a pedra.
Como meta do Camiño de Santiago e punto de encontro da espiritualidade de Europa, a cidade atesoura a súa herdanza multicultural en numerosos museos e alimenta un apertado calendario cultural con concertos, teatro, danza, exposicións e moito máis. Para sorpresa dos seus visitantes, Compostela desprega tamén un sorprendente catálogo de arquitectura contemporánea, asinada por Eisenman, Hedjuk ou Siza, arredor da cal esténdese unha sobresaínte dotación de parques e xardíns.
Unha cidade para saborear a gastronomía galega, que desborda dos fogóns con cheiro a produtos frescos do mar e da terra; para as compras de calidade, nun comercio que abrangue o amplo espectro da moda galega, a artesanía, a ourivaría, a acibecharía ou a cerámica. Unha cidade nova, grazas á presenza dos miles de estudantes da Universidade cinco veces centenaria. E un espazo seguro para vivir a noite, tempo propicio para o paseo tranquilo, a música en directo ou as longas veladas en pubs e discotecas.
E ademais... a posibilidade de coñecer Galicia en excursións desde Santiago: a súa paisaxe verde, as súas rías, a súa salvaxe costa oceánica, o seu rico patrimonio e costumes, a súa autenticidade e a súa recoñecida hospitalidade.
No 2010 Santiago celebrará o Ano Santo.

|