 |
FIN DE SEMANA
O sábado 20 de febreiro, o Fórum trasladouse á cidade onde se realizaron numerosas actividades: o segundo Concurso de Pulpeiras, catas en espazos emblemáticos, exposición e degustación de pratos da cociña galega, un tour gastronómico, actividades para nenos e nenas, accións no Mercado de Abastos, unha cea ás cegas... En todas as actividades cubríronse as prazas dispoñíbeis, chegándose a contabilizar ata 3.000 persoas que gozaron delas.
O "merco e cociño" abriu o programa ás 10h da mañá no Mercado de Abastos. Alí, dous grupos puideron acompañar aos cociñeiros Flavio Morganti e Marcelo Tejedor polas diferentes paradas para mercar produtos que máis tarde elaboraron na Factoría Compostela (o grupo de Marcelo Tejedor); e no Parador dos Reis Católicos (grupo de Flavio Morganti). A actividade tivo unha grande acollida entre os participantes.

O II Concurso de Pulpeiras tamén tivo lugar no Mercado de Abastos, onde os 9 pulpeiros e pulpeiras participantes puideron preparar o seu mellor polbo en directo. Os tres gañadores deste ano foron:
Primeiro premio: Mª Carmen Eyo, da Pulpería Guerra de A Estrada (na foto, xunto co Concelleiro de Turismo e Promoción Económica de Santiago, Xosé Manuel Iglesias, e o xornalista e presentador do concurso, Quique Morales).
Segundo premio: Amador Porta, da Pulpería Porta de A Estrada
Terceiro premio: Cristina Panadeiros, pulpeira de Carvalliño

Ao longo do día, tamén tiveron lugar dúas sesións do popular Fórum Nenos, realizáronse varias sesións de catas con maridaxe e tamén tivo lugar unha poxa "Art & Wine" (poxa de viños e obras de arte) e rematou o programa de actividades cunha "cea ás cegas", onde os comensais tiñan que degustar un menú sorpresa cos ollos vendados. ¡Toda unha experiencia!
O domingo, o Fórum continuou en Amio. Ás 12h da mañá tivo lugar o acto inaugural coa presenza do Concelleiro de Promoción Económica e Turismo de Santiago, Xosé Manuel Iglesias; Pep Palau e Jaume von Arend, directores do Fórum Gastronómico; Pablo Villlamar, vicepresidente da Deputación da Coruña; Carmen Pardo, secretaria xeral de Turismo; Alejandra Álvarez de Mon, directora xeral de Innovación e Industrias Agroalimentarias e Forestais; Rosa Quintana Carballo, conselleira do Mar; e Xosé A. Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago.

Ao longo do día, sucedéronse obradoiros, relatorios e catas ademais do xa agardado Fórum Nenos, onde 120 nenos e nenas puideron iniciarse na cociña de xeito activo e divertido con obradoiros de gran nivel pedagóxico.
Polo que se refire aos obradoiros, as salas Picadillo e Cunqueiro acolleron as catas e obradoiros de cociña. Pola mañá os protagonistas foron os produtos da Comarca do Eume e da iniciativa GranxaFamiliar, a cociña de montaña e a cociña con cervexa. Xa pola tarde, realizáronse obradoiros de repostaría monacal, Slow Food Galicia ou os pratos recuperados pola exposición “Ao pé do lar”, ademais de catas de doces e viños do Camiño de Santiago e cervexas Estrella Galicia.
Pola súa banda, o Auditorio acolleu sesións como As Cociñas do Camiño, Arte breve: cociña e patrimonio en Paradores, un cos gañadores de Santiago(é)tapas, o espectáculo Poesía Visual Culinaria de David Ymbernon, e música e cociña en directo co polifacético chef portugués Chakall.
En total, contabilizáronse máis de 800 persoas que participaron nos obradoiros e máis de 1.800 no Auditorio.
Na noite do domingo, tivo lugar ademais unha innovadora actividade, a Novena Gastronómica, na que os cociñeiros do Grupo Nove ofreceron tapas elaboradas por eles en bares e tascas tradicionais da cidade, nun xogo no que se mesturaron modernidade e tradición. Como resultado, consumíronse todas as tapas antes incluso do horario fixado para servilas: en apenas 2 horas, consumíronse 3.150 tapas.
|