



Empresa dedicada a la gestión, comunicación y organización de eventos gastronómicos.
![]()
A exposición “Ao pé do lar, Memorias da Cociña”, promovida por Turismo de Santiago co patrocinio de Galicia Calidade e a colaboración especial da Fundación Caixa Galicia, inaugurouse o pasado cinco de febreiro no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela. Desde entón, 10.000 persoas teñen visitado a exposición. O 42% dos visitantes foron galegos, o 45% do resto do Estado e o 13% restante procedentes de outros países. O día de maior afluencia foi o venres 26 de febreiro, dous días despois do remate do Fórum Gastronómico, con 601 visitantes.
A exposición pode visitarse ata o domingo 21 de marzo. En principio, estaba programado que estivese aberta ao público ata o sete de marzo, pero decidiuse ampliar o prazo en dúas semanas, dado o interese que está xerando. A exposición pode visitarse no Museo do Pobo Galego, que o venres 19, dada a festividade, estará aberto de 11.00 a 14.00 horas. A fin de semana o museo terá as súas horas habituais de apertura. O sábado estará aberto de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00. O domingo o horario é de 11.00 a 14.00.
"Ao pé do lar, Memorias da cociña", organizada dentro das actividades do Fórum Gastronómico Santiago 2010, As Cociñas do Atlántico, ten por obxecto rendir unha merecida homenaxe a dous mil anos de historia da gastronomía galega, a través de imaxes, sons, cheiros e sabores, que permiten descubrir o pasado e a evolución da gastronomía de Galicia. A exposición tiña un programa diverso que incluía actividades paralelas á propia exposición, como a de visitas organizadas para colexios, co asesoramento da Fundación Dieta Atlántica da USC. Foron quince colexios os que participaron nesta actividade, cun total de 750 rapaces e rapazas que visitaron a exposición.
A exposición contou tamén cunha serie de espectáculos nocturnos, “As Noites Contadas”. Paula Carballeira, Quico Cadaval, Avelino González e Candido Pazó, foron os encargados de recrear o ambiente e as temáticas das historias contadas ao redor do lume, nunha lareira recreada especificamente para a exposición no propio Museo do Pobo Galego. Todas esta actividades completaron o seu aforo, con 165 asistentes.
A exposición está comisariada polo xornalista e profesor da USC Manuel Gago, que conta canda el cun equipo de expertos integrado por Soledad Felloza na coordinación de produción, fotografía e didáctica, o historiador Xavier Castro, encargado dos contidos históricos da exposición, Maribel Ruiz de Erenchun na fotografía, así como as profesoras Helena Villar e Berta Pérez canda Paula Carballeira no equipo didáctico e os infografistas Silvia Canabal e Juan Castro na recreación 3D de espazos. En conxunto, colaboraron máis de 200 persoas na produción da exposición.
O Fórum Gastronómico Santiago 2010 é un evento promovido polo Concello de Santiago, a Asociación Hostelería Compostela e a Cámara de Comercio, e organizado por Turismo de Santiago e Pep Palau, von Arend & associats. Os seus patrocinadores institucionais son a Xunta de Galicia, a través das Consellerías de Medio Rural e do Mar, así como a Secretaría Xeral de Turismo a través de Turgalicia, a Deputación da Coruña e o Consorcio de Santiago. Como patrocinadores privados conta con El Corte Inglés, Estrella Galicia, Cabreiroá, Paradores, Rosareiro e Angelo Po.
![]()
Diseño web y Desarrollo web Mastercafe SL | Hosting Alojamiento web tráfico ilimitado ISPActivo.com | Nota legal | Nota técnica