



Empresa dedicada a la gestión, comunicación y organización de eventos gastronómicos.
![]()
“O Fórum Gastronómico Santiago 2010, As Cociñas do Atlántico, é o mellor exemplo do modelo de colaboración entre as diferentes administracións públicas e o sector privado para conseguir obxectivos ambiciosos que posicionen a Santiago e Galicia como destinos turísticos de dimensión internacional”, dixo o concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, na rolda de prensa de valoración do Fórum Gastronómico, na que estivo acompañado de Pep Palau e Jaume von Arend, directores do evento, que cualificaron dun “éxito rotundo”.
Nesta edición do Fórum Gastronómico prodúxose un salto cualitativo respecto da edición do 2008, coa introdución do concepto Fórum Cidade, no que se deseñou unha serie de actividades gastronómicas que se desenvolveron en diferentes lugares emblemáticos da cidade, como o Hostal dos Reis Católicos, o Mercado de Abastos ou o Museo do Pobo Galego. Ademais, entre o 21 e o 24 de febreiro, tiveron lugar a feira e o congreso, onde ás actividades da propia organización sumáronse múltiples accións deseñadas por expositores, como as que levaron a cabo as Consellerías de Medio Rural e do Mar no seu stand conxunto.
O recinto feiral de Amio recibiu a máis de 17.000 persoas nos catro días de actividade congresual e feiral. Estas persoas, cunha importante representación de colectivos profesionais vinculados á gastronomía, procedían non só de Santiago ou Galicia, senón que tamén houbo unha presenza importante de persoas chegadas de Portugal e outras zonas do Estado.
A estas persoas hai que sumar as que participaron nalgunha das actividades paralelas ao Fórum Gastronómico, como o Fórum Cidade, celebrado o día 20 de febreiro, a Novena Gastronómica na noite do domingo 21, a exposición “Ao pé do lar, Memorias da Cociña”, ou o Fórum Tapas, entre o 17 e o 24. Unha cifra que se pode situar por riba das 15.000 persoas.
Ademais, o Fórum Gastronómico tivo unha gran repercusión en medios de comunicación, con reportaxes nos principios programas informativos de cadeas de televisión estatal e galega, con noticias publicadas en moitos medios estatais e internacionais e cunha ampla cobertura nos “bloggers” gastronómicos.
FÓRUM GASTRONÓMICO. DO 21 AO 24 DE FEBREIRO
Máis de 17.000 persoas visitaron o Fórum Gastronómico no recinto feiral de Amio entre o 21 e o 24 de febreiro. Isto supón unha media superior ás 4.000 persoas diarias. No ano 2008 o Fórum Gastronómico celebrouse no Pazo de Congresos, un espazo con menor tamaño. Naquela primeira edición do evento en Santiago, que tivo un día máis de duración, o número de visitantes foi de 15.000, cunha media de 3.000 persoas ao día.
Cabe destacara a asistencia ao Fórum Gastronómico de multitude de profesionais dos sectores vinculados á gastronomía: produción, distribución, equipamento, cociña, etc. Os asistentes procedían de toda Galicia, e houbo tamén un número relevante de persoas chegadas de Portugal e outras zonas do Estado.
Entre o luns 22 e o mércores 24, o Fórum Gastronómico estivo adicado a profesionais. Nas actividades dos obradoiros, espazos reducidos onde se fixeron múltiples actividades, participaron 1.800 persoas. No auditorio, cunha capacidade maior, asistiron ás demostracións dos cociñeiros e aos diálogos, máis de 5.000 persoas. No Ateneo, onde entre outras actividades tivo lugar o Mercado do Viño, participaron 700 persoas.
O domingo 20 de febreiro estivo adicado ao público xeral, amante da gastronomía. Nos obradoiros participaron máis de 800 persoas e no auditorio máis de 1.800. Neste domingo tamén participaron 120 rapaces nos diferentes obradoiros gastronómicos para nenos.
FÓRUM CIDADE. 20 DE FEBREIRO
O Fórum Gastronómico do 2010 reservou o sábado 20 de febreiro para desenvolver múltiples actividades en espazos emblemáticos da cidade, como Catas con Maridaxe, Merco e Cociño, Obradoiros gastronómicos para nenos, o II Concurso de Pulpeiras, o I Concurso de Cociña Familar organizado por El Corte Inglés, a Cea ás Cegas ou a poxa de Arte e Viño no Hostal dos Reis Católicos. Nestas actividades do sábado cubríronse as prazas dispoñibles e o Concurso de Pulpeiras, aberto ao público, levantou gran expectación no Mercado de Abastos. O número de participantes aproximado foi de 3.000 persoas.
EXPOSICIÓN AO PÉ DO LAR
As actividades vinculadas ao Fórum Gastronómico comezaron o 5 de febreiro, coa apertura de "Ao pé do lar, memorias da cociña", unha exposición na que se recollen 2.000 anos de historia de gastronomía galega e que está patrocinada por Galicia Calidade e conta coa colaboración da Fundación Caixa Galicia. A exposición poderase visitar ata o día sete de marzo no Museo do Pobo Galego. Entre o 5 e o 21 de febreiro visitaron a exposición máis de 5.000 persoas.
NOVENA GASTRONÓMICA
Na noite do domingo 21 de febreiro tivo lugar unha innovadora actividade chamada Novena Gastronómica, na que os cociñeiros do Grupo Nove ofreceron tapas elaboradas por eles en bares e tascas tradicionais da cidade, nun xogo no que se mesturaban a modernidade e a tradición dun modo harmónico. Esta actividade desbordou amplamente as expectativas. Pese a que ese domingo choveu dun xeito importante na cidade, consumíronse todas as tapas que elaboraron os cociñeiros do Grupo Nove, antes incluso do horario fixado para servir estas tapas. En apenas dúas horas, consumíronse 3.150 tapas.
FÓRUM TAPAS
Entre o 17 e o 24 de febreiro celebrouse o Fórum Tapas, onde quince establecementos da cidade, ofrecían a súa Tapa Fórum, creada especificamente para esta actividade. O Fórum Tapas incluía unha premio á mellor tapa, concedido por un xurado especializado. O premio foi para o restaurante "O Catro", ubicado na Porta do Camiño. En conxunto, consumíronse máis de 4.000 tapas, sen contabilizar aínda os datos do último día, 24 de febreiro.
CONCURSO GALEGO DE COCIÑA FAMILIAR
Dentro do marco do Fórum Gastronómico, El Corte Inglés, organizou o primeiro Concurso Galego de Cociña Familiar, no que se abriu unha oportunidade para moitos amantes da gastronomía non profesionais. O Concurso organizouse a nivel galego, cunha ampla comunicación nos propios establecementos de Santiago, Vigo e A Coruña. A comezos de febreiro celebráronse tres semifinais en Santiago, A Coruña e Vigo. O día 20 celebrouse a final en Santiago, que foi seguida en directo por multitude de persoas que estaban comprando nese centro comercial. En total, presentáronse 101 receitas.
XORNALISTAS
O Fórum Gastronómico levantou gran expectación nos medios de comunicación, galegos, estatais e mesmo internacionais. A rolda de prensa de Ferrán Adrià foi o momento que maior cobertura tivo polos medios de comunicación. Pero non escureceu ao resto do Fórum, xa que as diferentes actividades foron cubertas dun xeito amplo e coidado. En total, acreditáronse máis de 200 xornalistas ao evento, non so galegos, se non tamén estatais e mesmo internacionais.
O Fórum Gastronómico Santiago 2010, As Cociñas do Atlántico, é un evento promovido polo Concello de Santiago, a Asociación Hostelería Compostela e a Cámara de Comercio, e organizado por Turismo de Santiago e Pep Palau, von Arend Associats. Os seus patrocinadores institucionais son a Consellería de Medio Rural e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia, Turgalicia, Deputación da Coruña e o Consorcio de Santiago. Como patrocinadores privados conta con El Corte Inglés, Estrella Galicia, Cabreiroá, Paradores, Rosareiro e Angelo Po.
![]()
Diseño web y Desarrollo web Mastercafe SL | Hosting Alojamiento web tráfico ilimitado ISPActivo.com | Nota legal | Nota técnica