



Empresa dedicada a la gestión, comunicación y organización de eventos gastronómicos.
![]()
O Fórum Cidade deu inicio ao Fórum Gastronómico Santiago’10 cunha grande afluencia de público. As actividades desenvolvéronse en espazos monumentais de Santiago de Compostela.
O Mercado de Abastos acolleu unha grande expectación para presenciar o II Concurso de Pulpeiras, presentado por Quique Morales, no que participaron 9 pulpeiras e pulpeiros procedentes de toda Galicia. Mari Carmen Eyo, da Pulpería Guerra de A Estrada, recibiu o talón de 1.000 euros que acompañaban ao primeiro premio de mans do concelleiro de Promoción Económica e Turismo de Santiago, Xosé Manuel Iglesias. O segundo premio, dotado con 800 euros, foi para Amador Porto da Pulpería Porta, tamén de A Estrada. Os 600 euros do terceiro premio foron para a pulpeira de Carballiño Cristina Panadeiros.
Os talleres “Merco e cociño” impartidos por Flavio Morganti e Marcelo Tejedor, que tiñan reservadas todas as súas prazas había semanas, permitiron aos asistentes facer a compra na Praza de Abastos para posteriormente elaborar un menú con estes cociñeiros profesionais.
Máis de 400 persoas participaron nas catas con maridaxe de produtos galegos e os talleres do Fórum Nenos, celebrados ao longo de toda a xornada no Parador Hostal Reis Católicos e no Museo do Pobo Galego. Os gourmets continuaron peregrinando ao Parador para asistir á poxa Art & Wine Gallery e gozar dunha orixinal “Cea ás cegas”. Un tour gastronómico pola cidade e unha excursión ás Rías Baixas para coñecer a despensa atlántica completaron as actividades.
Mañá domingo as actividades continúan con talleres, degustacións e espectáculos no Recinto Feiral de Amio. Os asistentes poderán percorrer tamén a feira, con máis de 120 stands de empresas do sector enogastronómico.
O FGS’10 é un evento promovido polo Concello de Santiago, a Asociación Hostelería Compostela e a Cámara de Comercio e organizado por Turismo de Santiago e Pep Palau, von Arend & associats. Os seus patrocinadores institucionais son a Xunta de Galicia, a través das Consellerías de Medio Rural e do Mar, Turgalicia, a Deputación da Coruña e o Consorcio de Santiago. Como patrocinadores privados conta con El Corte Inglés, Estrella Galicia, Cabreiroá, Paradores, Rosareiro e Angelo Po.
![]()
Diseño web y Desarrollo web Mastercafe SL | Hosting Alojamiento web tráfico ilimitado ISPActivo.com | Nota legal | Nota técnica