O éxito marcou o primeiro día do Fórum Gastronómico Santiago’08. Todas as sesións de fin de semana recibiron unha importante afluenza de público e tanto o Auditorio Compostela como as salas Ateneo e Picadillo enchéronse ata a bandeira.
A sesión ‘Contos de cociña’, do Grupo Nove, que se realizou no Auditorio Compostela a partir das 6 da tarde, rexistrou un cheo absoluto. Unha grande cantidade de visitantes puideron gozar dun espectáculo único da man de dous dos colectivos profesionais máis creativos e innovadores do panorama cultural e gastronómico galego, o Grupo Nove e o Colectivo PistaCatro que actuaron conxuntamente nunha sesión de circo e cociña. O resto de sesións do Auditorio, como o I Concurso de Pulpeiras ou ‘As Cociñas do Camiño’ tamén rexistraron unha entrada excelente. A cociña da caza, a sesión de Chef Rivera, las Filloas da Pedra, a sesión de Antonio Muiños ou a de Miguel Vila que se celebraron na Aula Picadillo recibiron moi boa acollida por parte do público asistente. Pola súa banda, a Sala Ateneo, escenario das mellores catas e degustacións, quedou pequena para acoller os visitantes, ao igual que o Espazo de Nenos que, cun aforamento de 35 nenos por sesión, rexistrou cheos durante todo o fin de semana. As sesións do Fórum Fin de Semana terminaron coa actuación do grupo de teatro Mofa e Befa que presentou o espectáculo humorístico Cociña Económica (bis).
|
|